MENÚ

Os que estades no caínzo
tirai castañas abaixo;
tirade das máis grandiñas,
que ás pequenas non me baixo.

Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas
para comer coas mozas
catro castañas asadas.

Non chas quero, non chas quero
castañas do teu magosto
non chas quero, non chas quero,
que me cheiran a chamusco.

Canta a rula, canta a rula,
canta a rula naquel souto;
pobriño do que espera
o que está na man do outro.

A castaña no ourizo
fixo ¡pun! e rebentou
caeu do castaño embaixo,
¡ai!, que golpiño levou.

Vella que estás no caínzo
tira castañas pra baixo,
tira desas máis grandiñas,
que apañarei no refaixo.

Do outro lado do río
ten o meu pai un castiñeiro,
da castañas en agosto
e uvas brancas en xaneiro.

Unha vella dixo a outra
polo furado da porta:
nena, se queres castañas,
ven soutalas tras da horta.

A castaña no ourizo,
eu ben che sei como fai:
de pequena vai a grande
e desde que madura, cae.

Santo que estás no caínzo
bota castañas abaixo
que, anque non teño mandil,
apáñochas no refaixo.

Compilada: alumnado do IESP Fontem Albei

ANT. SEG.