Cultura das mámoas ou modorras
As modorras, como se nomean na comarca, representan os restos máis primitivos da presenza dos humanos na Fonsagrada. En realidade son sepulturas ou lugares de enterramento de cadáveres ou as súas cinzas. As máis antigas calcúlase que poden ter uns 5500 anos de existencia. Pertencen á cultura chamada “megalítica” polas grandes pedras que as forman, ás veces cunha cámara central cuberta cunha gran lousa de pedra. Aparecen na paisaxe cubertas de terra formando unhas peculiares elevacións. Ás veces a cuberta de terra desapareceu e queda só á cámara central, o dolmen, do que temos un marabilloso exemplo en Montouto.
Nesa época coñecíase a gandeiría, posiblemente a agricultura e o uso do cobre e o bronce na súa última fase.
O espazo dedicado a esta cultura ten como centro unha maqueta representando unha modorra con cámara e corredor de acceso realizada polo maquetista Manuel Miranda. Nas vitrinas que a acompañan preséntanse fotografías de varias mámoas e diversos utensilios de pedra pulimentada, cobre e bronce atopados fortuitamente cerca delas. De especial interese son varios machados de bronce e os restos dunha lousa cunha inscrición en forma de serpe aparecida nunha modorra destruída. Fundamentalmente forman parte dunha colección doada polo investigador Enrique López, natural da Fonsagrada.







