Principais artistas
Na colección atópanse obras de artistas galegos na súa maioría pertencentes á chamada Xeración Atlántica e contemporáneos como Alvaro de la Vega, Ignacio Basallo, Paco Pestana, Manolo Paz, Luis Borrajo, Xoan Lomarti, Fernando Villapol, Lugilde, Francisco Otero, Manuel Moldes, Miguel Macía, Xoán Vila e José Vázquez Cereijo, este dunha xeración anterior. Tamén outros máis novos como Pablo Sánchez e José Miguel López, Mónica Alonso, Benxamín Alvarez e Berio Molina. Estes tres últimos nados na Fonsagrada. Tamén está presente a obra de artistas afeccionados locais ou próximos como: “Marqués de San Xés”, “Pipo de Brañela”, Cotarelo, “Valiña”, Manuel Pardo, Laureano Rego e Amador Arias.
Caracterización da sección “Divino Humano”
Varios destes artistas mostran na sala das “Crenzas” unha visión particular dos sentimentos que se viven na sociedade contemporánea, relacionados cos mesmos ou parecidos que en tempos pasados se expresaron por medio das imaxes relixiosas. Para ilustrar esa relación amósanse no que se denomina como conxunto “DIVINO HUMANO” unha serie de esculturas contemporáneas xunto con outras tradicionais obxecto de devoción popular, propoñendo así ao espectador unha nova reflexión sobre o diálogo entre a tradición e a modernidade. Os sentimentos básicos da natureza humana representados nas imaxes piadosas de outrora, que expresaban as inquedanzas, perplexidades e paixóns humanas, aínda que filtrados pola Igrexa, son rescatados agora polos artistas presentes nesta sección. Estes artistas, consciente ou inconscientemente, e en todo caso encarnados na tradición do país, demóstrannos que sentimentos como o sufrimento, a redención, a culpa, a virtude, o sacrificio, a anguria… seguen presentes, aínda que lonxe da proxección sobrenatural e divina, tan característica da tradición. Dan fe así dun momento como o actual no que prima unha visión humanística substitutiva daquela visión relixiosa que antano procuraba ao pobo apoios existenciais.












