MENÚ

A bodega

Aínda sen ser unha zona de elevada produción de viño, había viñas na parte sur do Concello e tamén había parras en moitas aldeas e bodegas en todas ou case todas as casas. Neste capítulo falaremos do viño, da augardente, da sidra e tamén mencionaremos unha fábrica de gasosas que houbo en tempos na vila.

A importancia do viño

Aínda que  A Fonsagrada non é un lugar onde a produción de viño fose importante -sobre todo dende que Negueira de Muñiz se fixo concello independente-, si que había viñas na ladeira sur de vales como o de Suarna, onde destacaba a zona de Arexo. Tamén había parras en moitas aldeas e bodegas, moitas veces na propia viña ou nas casas. E, por suposto, tamén tiñan bodega as tabernas ou cantinas que había na maior parte das aldeas e na vila, aínda que non o fixeran alí e só o almacenasen para a venda.  Na zona de Arexo, algunha galería de mina, abandonada a súa actividade, utilizouse como bodega. Foi o caso da do Redondo, localizábase debaixo do miradoiro e foi tapiada co muro de contención da estrada.

O viño non se consumía nas casas habitualmente xa que se reservaba para as celebracións importantes como a mallega, os roxois, o entroiro ou a festa do patrón e tamén para cando había xente de fóra para traballar.

Paisaxe de Arexo
Paisaxe de Arexo
Tina
Tina
Xerras
Xerras

A elaboración do viño

O elemento central dunha bodega onde se facía viño era  a tina, de madeira, onde se botaban os acios despois da vendima e se pisaban ata obter o zume de uva que logo se deixaba fermentar un tempo ata que se consideraba que o estaba feito. Para iso había que facer catas, de vez en cando, utilizando o cacho, recipiente de madeira que se utilizaba para beber. Unha vez que fermentaba, o bullo ou bagazo pousaba no fondo da tina e o viño sacábase para os cobetos, bocois ou cubas, onde permanecía almacenado ata o seu consumo. Cando se compraba, moitas veces convidábase a algúns veciños para “asentar o cobeto”o que implicaba asentar ou colocar e estabilizar o cobeto na bodega, pero tamén inauguralo… o que traía consigo certa celebración.

Prensa utilizada para a elaboración de viño e de sidra
Prensa utilizada para a elaboración de viño e de sidra
Alquitarra
Alquitarra

A augardente

O bullo prensábase na prensa para extraer os restos do viño e despois utilizábase para facer augardente. Na bodega tamén había xarras, que en orixe eran de madeira pero logo pasaron a ser de vidro e garrafois ou canadas, de vidro, pero forradas de cestería para protexelos e facilitar o seu transporte. Ás veces, había tamén unha alquitarra, alambique co que se destilaba o bullo ou bagazo e se sacaba a augardente. Pero a maioría das bodegas non a tiñan pois era máis habitual recorrer a augardenteiros ou,  xa máis recentemente, comprar unha alquitarra entre varios veciños.

 

A elaboración da sidra

Aínda que non era unha práctica moi estendida, nalgúns casos a mesma prensa que se utilizaba para prensar o bullo servía tamén para prensar mazás e facer sidra, pois estas collíanse en abundancia nos pomares que abundaban nas zonas de ribeira.

 

A fabrica de gasosas

Tamén chegou a funcionar durante anos na Fonsagrada unha fábrica de sifóns, a de “Manolo de Fidalgo” da que queda testemuño no Museo. Estas fábricas que eran bastante frecuentes no século XX, desapareceron practicamente, entre outras cousas, debido á chegada das bebidas carbonatadas embotelladas.

Autoría:

Dos textos: Responsables da páxina
Das fotos: Marisé Fernández, Alejandro Ocampo

ANT. SEG.