As escolas e os mestres na Fonsagrada
A escola empezou cos mestres do tego (chamado así polo pago en especie que se facía en orixe, recordemos que o tego é unha medida de capacidade utilizada para o gran). Non se trataba dun mestre con formación académica senón que era un home que sabía algo máis do común e procuraba este pequeno extra económico nos meses de inverno. Con el os nenos e, máis recentemente tamén as nenas, aprendían a ler, escribir e as 4 regras. Contratábano nunha aldea. A mantenza e a cama ía rotando polas casas e a escola impartíase cada día na que tocaba, na cociña ou no cuarto grande.
Andando o tempo empezou a haber escolas estables nas aldeas, aínda que moitas veces non dispoñían de local propio e tiñan que recorrer a pendellos ou espazos particulares dalgunha casa que os prestaba para iso. Noutras acollían os mestres, pois tampouco había vivendas para eles. Ao contrario que noutros lugares de Galicia, aquí houbo poucas escolas de indianos. A da Allonquiña foi unha delas, como indica a placa que está na porta da escoliña do museo. A asistencia era moi irregular, dependendo das necesidades de cada familia, pois os nenos e nenas eran tamén forza de traballo. Ir coa facenda (cabras e ovellas) ao monte, por exemplo, era traballo deles.
Para máis información sobre as escolas e os mestres véxase a pestana de “Historia e territorio” desta mesma páxina.






