O carro
Como elemento central da sección da labranza do Museo, destaca o carro e os seus accesorios: os fumeiros, o rangueiro, os cravios ou cadigueiros, etc. Tamén destaca o xugo do que hai bastantes exemplos. Aínda que se usaba o de pescozo, chamado de canga ou cangalla, o xugo de cornos era o máis común desta zona. Este último ía sobre as mulidas que se poñían na cabeza das vacas para xoncer. O xugo enganchábase á cabezualla do carro ou á lata (pau) do arado por medio dunha peza, a chavilla, e da dobra, feita de coiro. Normalmente tiraba polo carro un só par de vacas, pero ás veces cando a carga era grande e o camiño costo, había que recorrer a un segundo par que abordelase ao primeiro. O canto do carro era sempre un motivo de orgullo, pois indicaba que a colleita fora importante.


















