MENÚ

A Lareira

A cociña era o corazón da casa labrega, espazo de lume e de vida cotiá. Alí preparábanse os alimentos, criábanse os nenos, traballábase e socializábase. Arredor do lar transmitíanse saberes, contos e costumes que fixeron posible a continuidade dunha cultura rural hoxe recuperada e mostrada no Museo.

A Cociña

En realidade na Fonsagrada non nos referimos a este espazo como a lareira, senón simplemente como a cociña. Era o espazo central da casa labrega  desta comarca. Centralidade non só física, pois acostuma estar no medio da casa, senón tamén  familiar e social  en canto a que era espazo de reunión e de convivencia. Lugar onde se comía e se facía o caldo, as papas, os freixós…e moitos outros traballos e tarefas da vida cotiá dos nosos antepasados e, sobre todo, das nosas antepasadas.

A cociña do Museo
A cociña do Museo
Cociña da casa de Lourenzo de Vilagocende
Cociña da casa de Lourenzo de Vilagocende
Potas e pote
Potas e pote

O lar

O primeiro que chama a atención á xente que non é  desta zona é que o lume era  “de arrastro”, non estaba nun lugar elevado como ocorre noutras zonas de Galicia. E, sobre el estaba a garmalleira, cadea de ferro na que se colgaban os potes, que á súa vez estaba suxeita a un guindastre, con un madeiro horizontal sobre outro vertical que xiraba e  se colocaba nun recanto da cociña. Arredor do lume central dispoñíanse os escanos, onde  sentaba a familia labrega e as visitas que puideran ter: parentes, amigos ou veciños que viñan á polavila nas noites de inverno. Polo lado no que non había escanos, utilizábanse para sentar mesos de tres patas que eran portátiles. Ás veces había unha mesa -chamada de levante– que se baixaba ou se recollía e enganchaba na parede, segundo fixera falta.  En xeral, nesta cociña comíase coa conca ou o prato, en orixe de madeira pero logo “de porcelana”, pousado nos xeonllos.

Había potes e potas de ferro de distintos tamaños. Os potes eran máis estreitos pola parte de arriba e máis anchos e inchados pola de abaixo, mentres que as potas eran cilindros rectos e, en xeral máis grandes. Tanto uns coma outras apóianse sobre 3 pés. O trespés, ou estrepia, segundo a zona, tamén era o utensilio de ferro sobre o que se poñían a tixela -de rabo longo para evitar queimarse- as olas e potas ou pucheiros que non tiñan pés. Aínda que os pucheiros pequenos, como o do café, moitas veces poñíase directamente enriba dos tizóns. Na garmalleira tamén se colgaba o tambor de asar as castañas, aínda que a forma máis habitual de comelas era cocidas e entrilladas en leite, nunha conca. Por riba do guindastre e do lume estaba o caínzo, teito de madeira no que se poñían varas e ganchos para colgar o mondongo: chourizos, androllas e butelos que se afumaban e se curaban para ir comendo despois polo ano adiante.

Espeteira
Espeteira
Sella, cazo para beber e corra para poñer na cabeza
Sella, cazo para beber e corra para poñer na cabeza

Nos laterais da cociña

Nos laterais había lacenas para gardar cousas e a espeteira, onde se colocaban os pratos, concas, garfelos, culleres, etc. Tamén a artesa, que non só servía para amasar o pan, senón tamén para gardalo unha vez cocido e para ter recollidos  outros alimentos.  A pa e o rodo, instrumentos usados  cando se cocía o pan, pois o forno  ou estaba dentro da cociña ou, polo menos a porta abríase a ela.

A ama da casa, nai ou ás veces avoa, repartía a comida do pote coa garfela, tarefa que, non sempre cedía de boa gana á muller da seguinte xeración, nora ou filla que lle correspondese, porque iso significaría que esta pasaba a ser a nova ama da casa. Na linguaxe común a expresión “ter a garfela” viña a significar ter o mando  das cousas da casa, a única  parcela de poder que tiñan as mulleres.

Entre os útiles que había en todas as cociñas estaba a sella, de madeira, coa que as mulleres carretaban a auga da fonte. Carretábana sobre a cabeza, poñendo por debaixo unha corra ou rodela que facía de mulido, facendo máis soportable a dureza e o peso da sella chea de auga. A vasoira, de xesta, uz ou biouteiro -sabugueiro- para varrer o forno do pan, e o candil, de gas ou de carburo, que se utilizaba para alumar naqueles espazos da casa onde non chegaba a luz do lume. Nalgún caso tamén se utilizaban garabullas ou gamuzos de uz que ao arder lentamente  producían luz.

Berce ou barrelo
Berce ou barrelo
Rucho
Rucho

Ás veces tamén había…

Na cociña había ás veces un berce ou barrelo e tamén podía haber un rucho, berce sen patas especialmente deseñado para colocalo no escano. Porque había que atender á crianza dos nenos e nenas, ao tempo que se facían outros labores. Mentres eran pequenos –acheites se lles chamaba-  a súa vida transcorría na cociña, moi perto da cinza que rebordaba do lume. De aí unha curiosa expresión das mulleres para referirse a esa etapa da crianza como “cando tiña os nenos na cinza”.

Nun recanto da sección da lareira do Museo podemos ver unha serie de trampas artesanais como trapelas, destinadas á caza de perdiz e rateiras. Tamén un moble de madeira para gardar a escopeta. Noutro recanto temos unha primitiva máquina de encher chourizos feita de madeira e nas repisas están expostos utensilios como: chocolateiras, churreiras, muíños do café, reladeiras, etc, que había moitas veces nas lacenas das casas. Tamén temos olas de mazar o leite e olas de barro para moitos usos, como por exemplo gardar o pingo ou graxa de cocho que se usaba en vez do aceite. Hai tamén un chineiro para gardar cacharros de louza que non eran abundantes na maioría das casas. Pero estes mobles, cando os había, adoitaban estar no cuarto grande, onde se comía o día da festa ou na mallega e non na cociña.

Tamén atopamos nesta sección un antigo maletín de médico e  unha escultura do avó, o patrón da casa, tras do lume, no lugar preferente que lle correspondía na sociedade da época. É obra  de Laureano Rego, un artesán local. E dous cadros: un de Cotarelo que quizais fai alusión ás historias de lobos que se contaban arredor do lume, mentres que o outro, de Pedro Núñez, lévanos á lareira como lugar de socialización e celebración. O cartel anunciador do entroiro de 1988, de Amador Arias, moito máis recente, tamén alude a unha celebración que, neste caso, trascende a lareira.

 

Arredor do lume facíase a vida

Arredor do lume facíase a vida. Tanto é así que, cando chegaron as cociñas económicas ou bilbaínas, non se colocaron arrimadas á parede como noutros sitios, senón que se colocaron no medio do local, con bancos por detrás para poder sentarse. E o lume, agora dentro do fogón, seguiu sendo elemento central.

Arredor do lume facíase a vida: fiábase, calcetábase, facíanse cestos, zocos, debullábase o millo… cantábase e contábase. Os avós e sobre todo as avoas, contaban historias e contos, cos que transmitían valores ancestrais e os nenos e nenas aprendían sen darse conta, do que oían e do que vían facer, nunha sorte de cadea de transmisión de saberes…Dende esta páxina web, na medida en que poidamos, queremos deixar un testemuño mínimo deses saberes. Facer a nosa humilde contribución para que eses saberes non se perdan agora que o mundo cambiou tanto.

Candil
Candil
Garabulla ou gamuzo
Garabulla ou gamuzo
Reladeira para o chocolate
Reladeira para o chocolate
Pa e rodo do forno
Pa e rodo do forno
Olas de mazar o leite enriba da artesa
Olas de mazar o leite enriba da artesa
Olas de barro
Olas de barro
Reladeira
Reladeira

Autoría:

  • Dos textos: Responsables da páxina
  • Das fotos: Marisé Fernández, Tara Rego e Andrea Fernández
ANT. SEG.