Os cesteiros
Era este un oficio que, normalmente, se exercía a tempo parcial polos propios labregos no inverno. A materia prima era o castiñeiro, o carballo, o sangumín ou sanguiño e, rara vez se usaba o vimbio, que requería un traballo máis fino e profesionalizado.
Usábanse canas (ramas) que saían do pé do castiñeiro, do carballo ou do sangumín, xotas bravas, longas e dereitas. Cortábanse no outono e traballábanse antes de que a madeira secase. Tallábase en pezas da largura desexada sen quitarlles a casca, logo quentábanse no lume para abrilas, coa axuda da cuitela, converténdoas en costelas coas que se facía a estrutura da cesta, e en bringas ou brengas, máis estreitas e finas, coas que se tece o corpo da mesma.
Se a duela (o material) estaba demasiado seca para traballala, mollábase previamente. Tecíase o cu da cesta cruzando as costelas e logo atábanse cunha corda e poñíase a cesta en vertical para tecer o resto coas bringas. Se se quería moi aberta pola parte superior, poñíase boca abaixo cun peso enriba ata que as costelas ían collendo forma. Rematábase cun aro, normalmente de abeleira (moi maleable) cosido ás costelas, previamente furadas cun punzón de ferro quente.
Tipos e usos das cestas
A cesta era un recipiente moi usado a diario, polo tanto había moitos tipos e tamaños segundo o uso que se lle fose dar: o peselo, grande, moi aberto da boca, tecido moi apretado e moi fino, usábase para arrear o gran para o hórreo na mallega e as uvas na vendima (neste caso, metíase en auga uns días antes para que inchara e non pingase). As peselas dos ourizos, moi grandes e moi abertas. As de levar a comida para as terras de labor, de cu grande, baixas, rectas e tecidas só con costelas debían ser consistentes pois levaban moito peso e portábanas as mulleres na cabeza. Semellantes, aínda que algo máis altas, eran as de ir vender ás feiras a froita e as verduras . Tamén se facían cestos, máis pequenos e con asa, nasas…