A vitrina do Museo
A Fonsagrada era terra de gaiteiros, violinistas, tocadores de trompa (arpa de boca), de clarinete, de bombo, de redoblante (tambor), acordeonistas, tocadores de harmónica, cantadores e cantadoras, etc. Na vitrina do Museo dedicada á música atopamos fotos dalgúns deles e tamén instrumentos dun enorme valor simbólico, como os violíns de Modesta, a cega de Noceda, ou de Florencio, o cego dos Vilares; a gaita de José do Chocolateiro, de Fumaior ou unha trompa feita por Otilio Álvarez, de Vilarmeán, instrumento do que foi un virtuoso Hermino do Cazote, de Fonfría. Tamén atopamos instrumentos sinxelos, como os xipros ou pipas, feitos de castiñeiro ou as tobas feitas de casca de castiñeiro, cortada e enrolada en espiral. Todos estes materiais eran doados de atopar na rodeada, polo que a maioría dos gaiteiros da Fonsagrada empezaron a practicar e adentrarse no mundo da música con estes instrumentos sinxelos que eles mesmos fabricaban de nenos cando ían co gando ao monte. Especial interese ten a trompa ou arpa de boca, instrumento de ferro moi antigo que conservaron na Fonsagrada os ferreiros, que a construían, e os pastores que a tocaban.
No pestana de “Cultura inmaterial” desta páxina, temos un apartado dedicado específicamente á Música na Fonsagrada, polo que remitimos alí a quen queira saber máis.



