A vivenda tradicional desde a arte contemporánea
Unha escultura da artista local Mónica Alonso é o resultado dunha investigación dos valores espaciais da vivenda tradicional evocando a súa propia casa familiar en Chaín, parroquia de Paradavella.
Nesta sección preséntanse algúns dos tipos de vivenda existentes na comarca. Mediante maquetas, planos e fotografías obsérvanse as características funcionais e formais que presentan estas construcións de alto valor patrimonial.
Nesta sección preséntanse algúns dos tipos de vivenda existentes na comarca: a casa palloza, de planta normalmente circular e cuberta de palla (“casa do Celeiro” en Paradavella), a casa cúbica, a catro augas “Casa Deaquelcabo” ou “de Don Pastor”, na Veiga de Logares) e a casa de ribeira, con corredor e escaleira exterior, cun volume tendendo a cúbico pero adaptado á pendente do terreo (“Casa de Riba”, Eirixín). Mediante maquetas (realizadas por Manuel Miranda), planos e fotografías obsérvanse as características funcionais e formais que presentan estas construcións de alto valor patrimonial


Unha escultura da artista local Mónica Alonso é o resultado dunha investigación dos valores espaciais da vivenda tradicional evocando a súa propia casa familiar en Chaín, parroquia de Paradavella.


Tamén se poden ver diferentes tipos de hórreos e cabazos da comarca reproducidos en maquetas (realizadas por Fernando, de Lamas de Campos), e algunha das súas partes rescatadas da ruína. Na parte final de esta entrada pódese ver unha galería de fotos sobre o proceso de teitado de un hórreo de palla.
Un capítulo importante da sección está representada polos muíños e aceñas mediante unha mostra fotográfica e a reprodución en maqueta do muíño-vivenda de A Allonquiña, obra de Manuel Miranda, e a mostra de numerosas das súas partes tamén rescatadas da ruína.


Considérase que a presentación detallada destas tipoloxías pode servir de referencia nos labores de rehabilitación que se poidan emprender en moitas destas construcións nas que sempre resulta doado atopar un grande rigor e unha marcada dignidade. A imaxe e a presenza destas obras obedece sempre á aplicación dun código que confire ao espazo habitado unha grande harmonía e unha integración no contorno indicadores dunha alta sabiduría construtiva.
Como detalles da existencia dese código, que caracteriza a imaxe desta arquitectura, cabe indicar a presenza permanente das ventás abertas cara fóra, a regularidade das solucións dadas á aplicación da lousa, a proporcional composición dos ocos nas fachadas, sempre sinxela, a harmonía na disposición dos volumes da casa en relación coas construcións auxiliares (hórreos, celeiros e palleiros) e coas propias vivendas veciñas e, en xeral, a equilibrada integración das construcións no espazo circundante. Unha demostración de que a humildade das antigas casas non é unicamente sinónimo de pobreza senón mostra dunha alta calidade cultural.

O propio edificio do Museo, remodelado polos arquitectos Casabella e Vieitez (ano 1998-2000) a partir dun antigo “hospitalillo”, mostra en linguaxe contemporánea as leccións desa arquitectura tradicional na propia composición da fachada e nos usos de materiais como a lousa, a pedra , o ferro e o propio formigón como material actual.






Dos textos: Xoan Xosé Molina
Das fotos: Marisé Fernández e Arquivo do Museo