Un sistema de propiedade singular
Algún castañeiral pode chegar a ter ata 200 has, pero non ten un só propietario. Dáse aquí un curioso sistema de propiedade: por árbore, non por terreo. É dicir, unha casa de calquera aldea tiña os seus castañeiros, que identificaba cunha marca propia desa casa que se lle facía cunha navalla cando era nova e quedaba para sempre. Os propietarios coidábanos e aproveitábanos e, se secaban ou os cortaban, tiñan dereito a plantar outro no sitio.
A recollida das castañas
Comezaba a recollida das castañas preparando o castañeiral, rozando e quitando ramas vellas e soutando. É dicir, apañando as castañas que atopaban soltas no tarreu, sen ourizo, para as faldriqueiras, tamén chamadas, souteiras, farracas ou talegas, segundo a zona. Esas castañas eran as primeiras que se consumían.
O traballo dos varexadores e apañadoras
Logo os varexadores comezaban a varexar, empregando para iso unas varas longas e flexibles e valéndose duns paus longos cun gancho na punta, os chamados cambos que axudaban a subir aos castañeiros. Os ourizos que caían ao tarreu eran recollidos polas apañadoras cuns fustes e depósitábanos en cestas grandes, chamadas peselas, nas que se carretaban ata as corripas ou corrizas. As castañas soltas, os destelos, apañábanse para a souteira. Ás veces utílizábanse artiluxios como a cesta-nasa, para apañar os ourizos que caían ao río.
As corripas: conservar as castañas
As corripas ou corrizas son unhas construcións circulares e descubertas, feitas de pedra e con unha pequena entrada. Alí deixábanse os ourizos, tapados con folgueira (fento) un mínimo de 3 semanas e entón, xa medio podrecidos, debullábanse desfacéndoos cos pés, apartando os restos cun angazo e sacando as castañas, que se conservaban moito máis tempo que os destelos. Levábanse para a casa e esas eran as que se ían consumindo polo inverno adiante. Algunhas tamén se secaban no caínzo e así conservábanse aínda máis tempo.
O consumo e os magostos
Comíanse cocidas ou asadas no forno ou no tambor, que se colgaba na lareira e se lle ía dando voltas para que se foran asando por todos os lados. Tamén se aproveitaba para a celebración, xuntábanse os veciños e facíanse magostos. Os nenos que ían coas vacas ao monte tamén facían os seus propios magostos, acendendo unha fogueira e botando as castañas a asar directamente nela.
O valor económico do castañeiro
Os castañeiros tiveron aquí unha enorme importancia económica. Utilizábanse diferentes variedades, das que se mostran fotografías no Museo, para diferentes usos. Aproveitábase todo o que o castañeiral daba. Proporcionaban alimento, pero tamén madeira e daban traballo a varexadores, apañadoras, serradores, etc. E unha vez que as persoas remataban de soutar, varexar e apañar, era o momento dos animais (vacas, bestas e, sobre todo os cochos) para rebuscar as castañas e herbas que quedaran. Como vemos, o aproveitamento era total.
Oficios relacionados e economía familiar
Os varexadores e apañadoras, unha vez que remataban a tarefa nas súas casas saían facela nas de fóra, ben na súa aldea ou noutras onde os contrataban, gañando así un diñeiro que axudaba a soster a economía familiar ou o seu equivalente en castañas. Hai que dicir que o traballo de varexador requería dunha certa especialización pois non estaba exento de riscos. Como dato anecdótico destacar que, como na Fonsagrada había escaseza de árbores adecuadas para facer as varas de varexar -as mellores eran as de abeleira- ían compralas a Santalla de Oscos ou a Navia de Suarna e viñan con feixes delas ao lombo durante 30 km ou máis.













