A ferrería do Vilar da Cuiña
En España, o ferro empezou a ser un negocio moi lucrativo na 2ª metade do S. XVIII. Nesta época fundáronse moitas ferrerías, entre elas a monumental de “El Buen Retiro” no Vilar da Cuíña, siderurxia de base, creada pola compañía de la Vega de Ribadeo. Foi unha das máis grandes da súa época.
Estes grandes inxenios da industria do ferro utilizaban a enerxía hidráulica para mover o mazo e o barquín que avivaba o lume, neste caso a auga do Suarna, afluente do Navia. Funcionou, de xeito intermitente, ata finais do S.XIX. Polo xeral nutríase de mineral das minas de Riodeporcos mesturado co de Somorrostro, que chegaba en recuas de mulas dende o porto de Ribadeo. Utilizaba leña e carbón vexetal (facíase basicamente con cepos de uz) da contorna. Os mineiros, os carboeiros e, boa parte dos arrieiros eran da comarca traballaban a tempo parcial. Da Ferrería do Vilar consérvanse magníficos restos como se pode ver nas fotografías.





