MENÚ

O gran e a malla

O pan (centeo) e o trigo eran fundamentais na alimentación de persoas e animais. Os traballos arredor destes cultivos íanse facendo ao longo do ano e eran, a maior parte das veces, comunitarios, polo que aínda que duros e esforzados, tamén estaban asociados a celebración. Neste apartado trataremos, dende as cavadas e sementeiras ata a sega ou recolleita, a malla e o almacenamento.

O grau e a mallega

Dentro das particularidades da fala da Fonsagrada é coñecida a das terminacións en -au en vez de -an (ex: mau, irmau). Por iso aquí dicimos grau e non gran -aínda que cando nos referimos ao conxunto acostumamos a falar da gra-. Tamén dicimos mallega e non malla, como en toda a comarca Eonaviega.

Aínda que na exposición do Museo figuran nunha sección separada, esta podería formar parte da sección da labranza porque todo o referente ao grau e á mallega constituía unha parte fundamental dos traballos agrícolas.

O gran na tuña
O gran na tuña
Searas cavadas. Foto do voo americano anos 56-57
Searas cavadas. Foto do voo americano anos 56-57

A sementeira

Comezamos coa sementeira do centeo que se facía no outono nas searas cavadas no monte o ano anterior. O de cavar era, quizais, o traballo máis duro ao que se tiña que enfrontar o labrego. Facía falta forza física para arrincar e voltear os terróns, xunto coas raíces de toxos, xestas e carpanzas. Logo había que sacudilos e aburrueiralos, é dicir, xuntalos en montóns e queimalos nas chamadas burrueiras. A cinza que quedaba despois de arderen, estendíase por toda a seara e era o único abono que se utilizaba para este cultivo. Por iso tiñan un vixencia de só dous anos de produción. No  segundo, o de restreba, xa non recibían ningún abono. E a partir deste había que cavar outras novas. O trigo sementábase máis tarde e nas leiras, na terra traballada despois de catar(sacar) as patacas.

Na foto as searas cavadas no ano 1956 no monte de varas de Vilagocende, parroquia de San Martín de Suarna. O de «monte de varas» refírese a un sistema de propiedade comunitario que normalmente explotaba o monte de xeito indiviso para pastoreo do gando, recollida de leña e estrume, etc. Pero cando chegaba o momento, xuntábanse os veciños e repartían o terreo a cavar segundo as varas ou palmos (medidas da anchura da seara) que lle correspondían a cada casa.

Marrotos
Marrotos

A sega

Chegado o mes de xullo segábase. Para iso, usábase o foucín. As casarías grandes, que tiñan moita extensión, precisaban man de obra extra de persoas que traballasen a xornal, labregos e labregas, xeralmente mulleres, que ademais de facer ese traballo na súa casa, aproveitaban para gañar uns cartos segando para fóra. Tamén hai que recordar con respecto a isto que, non só no século XIX, como cantaba Rosalía de Castro (Castellanos de Castela tratade ben aos galegos…), senón que aínda a comezos do século XX, ían dende A Fonsagrada, andando, cuadrillas de segadores segar a Castela.

O trigo e o pan (centeo) segados íanse colocando en gavelas que os atadores ataban en mollos e que despois se xuntaban e amarrotaban. É dicir, íanse colocando de xeito case vertical para que, en caso de que chovese, a auga decorrese con facilidade. Ao final da sega carretábanse os mollos dos marrotos para a aira da casa, onde se colocaban en medas, unha ou dúas, moito máis grandes ca os marrotos e de construción máis elaborada. O tamaño das medas tamén daba idea do poderío económico das casas.

Mallando ao malle
Mallando ao malle
Mallega en Llencias
Mallega en Llencias

A mallega

A finais de xullo ou comezos de agosto era o tempo da mallega, un dos traballos comunitarios máis importantes do ano. Para facelo había que poñerse de acordo entre as distintas casas da aldea e íase mallando de aira en aira. Antigamente cos malles, ferramenta que constaba de 2 paus, un máis longo e outro máis curto, unidos por unha peza de coiro que funcionaba coma unha bisagra. Desatábanse os mollos, estendíase o trigo ou o centeo pola aira e colocábanse fronte a fronte dúas cuadrillas de malladores, que de maneira acompasada, deixaban caer os malles sobre o cereal facendo que soltaran o grau. Andando o tempo pasou a facerse este traballo con máquinas. Primeiro as que tiñan a malladora e o motor separado e despois a “máquina moderna” que tiña o motor incorporado e era moito máis rápida.

Recreación dunha mallega con malle en Monteseiro no ano 1978

Recreación de unha mallega coa malladora en Piñeira no 2017

Cribo ou peneira
Cribo ou peneira
Limpando a grá
Limpando a grá

Os outros traballos da mallega

Unha vez separado o grau da palla, con esta facíase o palleiro, un traballo que requería certa especialización e sempre había algún veciño máis destro niso. Pero, mesturado ca gra aínda ía a puxa, como se chamaba ás envolturas que este tiña na espiga, e había que separalos. Para iso había que cuañalo, o que facían as cuañadoras, mulleres cunha especie de vasoiras, as cuañeiras, que varrían literalmente o montón de gra e quitaban os cuaños ou espigos que quedaban por riba. Estes íanse deixando nun montón e era traballo dos nenos e nenas arrear eses cuaños para dentro da casa onde se gardaban para utilizalos como alimento para o gando.

A pesar do labor das cuañadoras, aínda quedaban algúns cuaños entre o gra e para iso había que limpalo con cribos ou peneiras aproveitando un día de vento. Os cribos en orixe eran de coiro con furados, como o que hai no Museo, pero despois pasaron a ser de arame como o da foto. Máis adiante chegaron as máquinas limpadoras coas que se  facía este traballo grazas á forza humana que  movía un veo ou manivela.

Tuña de gardar o gran
Tuña de gardar o gran

O almacenamento

Finalmente o trigo e o centeo almacenábase no hórreo, nas tuñas e huchas que había para iso. De aí sacábase co tego ou o ferrado (equivalente a 2 tegos) -que tamén eran medidas de capacidade- e botábase en sacas para levalo moer a un dos numerosos muíños que había dispersos en ríos e regueiros. Móstranse na exposición distintas pezas dun deles e incluso unha maqueta do Muíño da Allonquiña, moi orixinal pois tiña enriba a vivenda do muiñeiro.

Ademais de moito traballo a mallega tamén traía celebración. Facíanse comidas especiais ás que se convidaba aos veciños e non poucas veces se remataba con música e baile. Pero iso trátase na parte das celebracións, na pestana de cultura inmaterial, nesta mesma páxina.

Comezando a facer un marroto
Comezando a facer un marroto
Marrotos
Marrotos
Desfacendo o marroto e cargando o carro
Desfacendo o marroto e cargando o carro
Carretando os mollos para a aira
Carretando os mollos para a aira
Descargando o carro e facendo unha meda na aira
Descargando o carro e facendo unha meda na aira
Meda
Meda
Cando o palleiro se ía acabando
Cando o palleiro se ía acabando

Autoría:

Dos textos: Responsables da páxina
Das fotos: Marisé Fernández, Andrea Fernández, Arquivo do Museo, Arquivo de Manuel Fernández e Arquivo de Alicia Rancaño

ANT. SEG.