Os Trobos
Os trobos eran de madeira (castiñeiro, carballo, cerdeira…) polo que había que protexelos da auga, asentándoos sobre unha lousa, a soleira, e cubríndoos con outra chamada barda. Por debaixo desta última, co fin de illar ás abellas do frío no inverno e da calor no verán, poñíase a caldulla/o, unha pequena plancha de corcho ou de madeira.
Nesta sección podemos ver o trobo de 4 táboas, normalmente de castañeiro,que é o máis común aquí. O trobo de árbore é cilíndrico e faise baleirando un pedazo de tronco de árbore. É pouco frecuente. Máis raro aínda, é o de cortiza pois nesta zona a sobreira non se dá de forma natural, só na ribeira había algunha plantada polos abelleiros para estes usos.
Os 3 modelos levan dentro 4 paus cruzados en parellas a distinta altura, os fustes. Neles, as abellas irán prendendo as ceras nas que farán as celiñas que, logo, encherán de mel e selarán cunha fina capa de cera. Nas colmeas modernas dáselles parte deste traballo feito.






