A colcha ou sobrecama
Merece unha mención especial, tecíase no tear usando liño, la, algodón e mesmo restos de prendas que se resgaban en tiras e se aproveitaban para a elaboración das mantas máis modestas (as tiras formaban a trama insertadas na urdimenta).
A técnica máis empregada consistía en urdir o liño, algodón ou la no tear (colocar unha base de fíos paralelos) e logo facer a trama con la seguindo a técnica denominada felpa, gorullo, levantado ou berbesa mediante a cal a tecelá intercalaba os fíos de la tinguida, usando os pedais do tear, cos fíos urdidos e que logo levantaba co dedo ou mediante un punzón as partes do deseño que quería poñer en relevo. Se toda a trama ía en relevo, coñécese co nome de felpa, pero se só aparecen en relevo as figuras decorativas, coñécese a técnica como de media felpa.
Os motivos de decoración son variados: figuras xeométricas, motivos vexetais, grecas e, en ocasións, tamén levaban as iniciais do nome da persoa a quen ían destinadas.
As colchas adoitaban realizarse en dous ou tres corpos. Rematado o primeiro, enrolábase no orgo do tear e realizábase o seguinte polo que o referente do deseño se perdía, o que ás veces daba lugar a unha pequena asimetría no debuxo cando se cosían, e necesitaban poñer marcas ou usar outras colchas semellantes como modelo. Unha vez feitas as pezas, cosíanse e rematábase a colcha cunha tira de flocos atados que se realizaba cun peite ou cun tear para flocos.
Segundo Pegerto Saavedra, as mantas de Burón eran consideradas como das mellores de Galicia pola súa calidade.