As polavilas
Dende outubro a febreiro, nas longas noites do outono e inverno viña o tempo das polavilas. O termo abrangue dende a simple visita entre veciños próximos, ata reunións de case toda a xente da aldea e incluso de fóra dela. Despois de despacharen o gando e cearen as persoas, era tempo de reunírense arredor do lume e alí pórse ao día das novidades da rodeada, contar contos, historias e se se daba o caso, cantar e facer festa. Non digamos se había un gaiteiro, violinista, ou tocador de calquera instrumento porque entón a festa era das boas e enseguida se amañaba un baile. E se había viño, mellor, pero non sempre o había. As grandes polavilas eran nas casas onde había espazo na cociña para iso. Pero pequenas polavilas facíanse en case todas as casas, aínda que había costumes e preferencias. Como xa se di noutros apartados desta páxina, a Fonsagrada é terra de músicos, a maioría homes pero tamén algunha muller como Modesta, a cega de Noceda. Había violinistas, gaiteiros, tocadores de redoblante (tambor), trompa, clarinete, filarmónica, acordeón… que animaban as polavilas. Esa riqueza musical e a gran cantidade de xente que había na comarca, facían que as polavilas foran memorables.
Os bailes dos domingos
Tamén se lles chamaba polavilas a estes bailes que se facían no verán os domingos pola tarde nas aldeas, no adro da igrexa ou nalgún lugar apropiado, a poder ser cerca da taberna. Contratábase un gaiteiro ou algún outro músico e aproveitando o día de descanso semanal xuntábase a mocidade da rodeada. Era moi habitual que os mozos se desprazasen a eses bailes a outras aldeas, ían “mocear” e, se a cousa ía ben, podía acabar en voda. Non eran frecuentes os casamentos entre veciños. Tempo atrás, cando un mozo ía á casa dunha moza con intención de proporlle matrimonio dicíase que a ía “pretender”. Neste caso ía acompañado dun parente ou amigo que era o encargado de chufar ou contar as excelencias do pretendente.
Hai que dicir aquí que, en tempos, nestes bailes rexía o «favor» ou “permite”, é dicir; un mozo quería bailar cunha moza que estaba bailando con outro e solicitáballe permiso a este (…), para que lle cedera a moza para o baile. Nin que dicir ten que isto era fonte de moitos conflitos, pois moitas veces non quería cederlla e armábase entón unha pelexa entre os dous, á que acababan sumándose outros. As denominadas “quimeras” teñen rematado con moitos bailes nas primeiras décadas do século XX. Afortunadamente as quimeras foron desaparecendo co tempo e o “permite” tamén e foi substituído por un simple; bailas? dirixido á rapaza que non estaba bailando con outro…Tivo que pasar máis tempo aínda para que fora a moza a que lle dixese a un mozo: bailas?
Cando chegou a música enlatada, os tocadiscos e radiocassetes a pilas (porque en gran parte do rural da Fonsagrada non houbo luz ata o ano 1983) nalgúns casos, empezaron a substituír aos gaiteiros e instrumentistas e os bailes amenizábanse con estes trebellos. E, aínda desde que se deixou de facer estes bailes os domingos pola tarde, mantíñase o costume do paseo das mozas pola aldea con mozos de outras aldeas, como se pode ver nalgunha das fotos que poñemos aquí.
O 20 de novembro de 2010, celebrouse no Museo unha polavila que rememoraba aquelas que se viñan celebrando en tempos nas nosas aldeas. Podes ver os vídeos desa celebración na páxina das Polafías da AELG (Asociación de Escritores/as en Lingua Galega), premendo no botón de aquí abaixo

