MENÚ

O entroiro

Festa tradicional por excelencia en toda Galicia, na Fonsagrada non podía ser menos. En todas as aldeas da comarca chegada a época, grupos de fuliqueiros e mázcaras percorrían as casas e os camiños “correndo o entroiro” e as bromas e o ambiente de festa eran xeralizados.

A celebración comezaba no domingo inmediatamente anterior ao entroiro, o domingo gordo, chamado domingo lardeiro nalgunha zona. Neste día, era habitual facer unha comida-festa familiar na que había cachola e/ou butelo acompañado de garavanzos, cachos (cachelos de pataca) e cimos (grelos). Pero os días máis importantes eran o luns pola tarde-noite (tamén chamado luns gordo) e o martes de entroiro. O luns pola tarde as mulleres da casa facían os freixós con fariña de trigo, ovos, auga e, nalgúns casos, leite. E nalgunhas casas facíanse tamén roscos de anís.

Nestes días os mozos e mozas dunha aldea  organizábanse en grupos para ir “correr o entroiro” de casa en casa, disfrazados pedindo comida e bebida. Nelas ofrecíaselles sobre todo freixós e viño, pero tamén outras cousas de comer. E con frecuencia ían, tamén polas aldeas veciñas. Ás veces, co que recollían nas casas podían facer unha festa o martes para o grupo, pero na maioría das casas ese volvía ser un día de celebración familiar.

Grupo de Fuliqueiros e Mázcaras preparados para correr o entroiro na Fonsagrada. Ano 2022
Grupo de Fuliqueiros e Mázcaras preparados para correr o entroiro na Fonsagrada. Ano 2022

O fuliqueiro e as mázcaras

Nestes grupos formados por mázcaras (recibían este nome, tanto as persoas disfrazadas como a careta que utilizaban para taparen a cara) había en tempos unha figura central, que era o fuliqueiro, un mozo vestido con roupa vella, cos pantalóns malamente suxeitos por un cinto con chocas e cunha vara na que suxeitaba un fol ou foleco, cheo de cinza ou palla. Con el ía dando folecazos á xente o que, lonxe de mancar, axudaba a meter a todo o mundo na festa. As mázcaras tamén podían levar un caiado ou vara coa que “aguixaban” ou incordiaban ás persoas ou ca que se “defendían” de quen intentase quitarlles o disfraz para saber quen eran. Nese dobre enfrontamento trascorría a festa e… ás veces algún levaba unha cotuada, pero non era o habitual.

Para taparen a cara, en orixe utilizaban peles de animais ou trapos aos que se lles facía furados para os ollos e a boca e máis adiante pasaron a utilizar cartóns das caixas de zapatos. A parte da cabeza que non cubría a mázcara tapábase cun pano que ataban ao pescozo para evitaren ser recoñecidos e, coa mesma finalidade, ás veces dábanlle a volta á roupa que vestían. Hai quen recorda algún personaxe con sombreiro e capa con sobrecapa, pero debeu ser unha excepción. Elemento común a todos os disfraces era a roupa vella. Levar chocas ou cinzarros eran moi habitual, asi como o era disfrazarse as mozas de mozos e viceversa.

Na ligazón pódese ver a celebración no IESP Fontem Albei no curso 21-22, inspirado no entroiro tradicional

Entroiro en Seoane. Anos 60
Entroiro en Seoane. Anos 60
Entroiro principio dos 70 en Ferreirous
Entroiro principio dos 70 en Ferreirous

Música, bromas…

Nalgúns casos cantaban e pedían un “guinaldo” como nos cantares de reis, pero na maioría dos casos non falaban, facíanse entender por xestos para que non os recoñecesen, e non cantaban. Podían tocar instrumentos, se os había: en orixe a gaita ou as flautas de castañeiro, pero máis adiante a filarmónica ou o acordeón e máis recentemente xa chegaron a levar un magnetofón. E tamén corrían tras dos nenos, entre os que espertaban moita expectación, mentres ían dunha casa a outra. Durante o tempo do entroiro podían facerse bromas máis ou menos pesadas: cambiar o carro de sitio, dar a volta a un pote, esconder a leña, etc. Ou bromas inocentes (“inocentadas”), chamábase a iso “meter o entroiro” e facíao, incluso a xente que non se disfrazaba.

Entroiro en Seoane 1982
Entroiro en Seoane 1982

Particularidades do entroiro en distintas aldeas

Existían particularidades na celebración do entroiro en distintos lugares. No libro de “Manuel do Juano” atopamos recollidas particularidades do entroiro de San Martín de Suarna, A Pobra de Burón, a parroquia de Carballido e a aldea de Seoane, da parroquia de Lamas de Moreira. Destacamos o entroiro de Seoane, da parroquia de Lamas de Moreira. Máis recente, dos anos 60 e principio dos 80, que compartía elementos dos anteriores, pero introducía novidades como a de utilizar roupa elegante, de cores claras, que trouxeran os emigrantes de América,  á que se lle engadían flores de papel e sombreiros cónicos, de cartón, aos que se lles poñía tamén unha flor de papel no medio e cintas colgando. Neste caso, nos grupos había un personaxe, “o pallaso”, que facía de vello e ía sempre máis lento detrás dos demais e outro que era “o xigante” e que ía diante e tocaba un xipro fronte das casas cando chegaban.

Nos últimos anos, impulsouse unha recuperación da celebración tradicional do entroiro. Na galería do fondo da páxina podes ver fotos, así como do obradoiro de construción de mázcaras que se levou a cabo no IESP Fontem Albei no ano 2022.

Obradoiro de fabricación de caretas, preparación
Obradoiro de fabricación de caretas, preparación
Obradoiro de fabricación de caretas
Obradoiro de fabricación de caretas
Obradoiro de fabricación de caretas
Obradoiro de fabricación de caretas
Obradoiro de fabricación de caretas, resultado
Obradoiro de fabricación de caretas, resultado
Obradoiro de fabricación de caretas, resultado
Obradoiro de fabricación de caretas, resultado
Grupo de mázcaras do IESP Fontem Albei. Ano 2022
Grupo de mázcaras do IESP Fontem Albei. Ano 2022
Entroiro en Vilardíaz. Ano 2022
Entroiro en Vilardíaz. Ano 2022
Entroiro 2025
Entroiro 2025
Entroiro 2025
Entroiro 2025
Entroiro 2025
Entroiro 2025
Entroiro 2025
Entroiro 2025

Autoría:

Dos textos: Responsables da páxina
Das fotos: Adrián Méndez, Arquivo da casa do Manco de Seoane, Anabel Mosteirín, Ana Dorado, Silvia

ANT. SEG.