As esfolladas de millo
Outra das celebracións do outono era a esfollada do millo. Aínda que na Fonsagrada non se sementaba en grandes extensións, si que se cultivaban polo menos 2 variedades: o millo “da xente” e o millo “do gando” procurando facelo en leiras que non estiveran moi perto unha da outra, para que non se recastearan (cruzarse). Co millo “da xente” facíanse as papas que foron un alimento básico na nosa comarca durante moito tempo.
As espigas de millo “da xente” despois de recollelas había que esfollalas -quitarlles as follas que as envolven-. Nalgúns casos deixábase algunha folla para trenzala con outras e faceren as restres que logo se colgaban no hórreo. Pero noutros casos non se facían restres e quitábanselles as follas todas. Iso era un traballo manual que non esixía moita concentración nin moita luz, co que acostumaba facerse pola noite, xuntándose varios veciños e veciñas nunha casa. E tamén se aproveitaba para a polavila. A diversión estaba asegurada, especialmente para os nenos e nenas que saltaban entre o follón (a morea de follas de millo que se ía xuntando) e para os mozos e mozas que, aproveitando a pouca luz, sempre se soltaban un pouco máis.
As espigas esfolladas poñíanse a secar no caínzo e, cando estaban ben secas, debullábanse rascándoas unha contra outra ou servíndose dun ferro longo ou do rabo dunha tixela. Co follón, antigamente facíanse xergóns e o gran de millo había que levalo moer ao muíño para obter a fariña coa que se facían as papas.
As papas
As papas facíanse poñendo auga a ferver nunha pota e engadindo a fariña de millo pouco a pouco. Remexíase cun pau específico para iso, o forcadelo ou cazapelo, para que non se queimasen, engadíndolles un pouco de graxa (pingo) e deixándoas cocer ben. Aínda que se fixeran con todo o coidado, sempre se pegaban un pouco no fondo da pota e esas papas pegadas raspábanse ao día seguinte para a parva (almorzo). Esas raspas eran moi disputadas, sobre todo entre os nenos e nenas da casa, polo seu sabor.