MENÚ

Outras celebracións

Agrupamos aquí outras celebracións que tiñan lugar ao longo do ano, unhas festivas e outras lutuosas, pero todas tiñan tamén as súas particularidades que as facían bastante diferentes ás súas equivalentes actuais. A celebración do nadal e os reises e as vodas e bautizos, tiñan lugar con menos aparato que as de agora, pero os velorios e enterros congregaban moita xente.

Pito da casa guisado
Pito da casa guisado

O nadal

A Noiteboa sempre foi unha festa familiar, pero a diferenza do que ocorre na actualidade, celebrábana só a familia que convivía na mesma casa, xeralmente 3 xeracións: os avós, o matrimonio e os fillos e fillas. E ás veces tamén algún tío ou tía solteira. Esa noite facíase unha cea especial dentro das posibilidades. Por exemplo con carne que se cadra escaseaba nos días de diario. En moitos sitios era costume matar o galo para o día de noiteboa. Os doces de nadal tardaron en chegar á Fonsagrada. Houbo que esperar aos paquetes que mandaban  desde Madrid ou Barcelona, etc,  os e as emigradas nos anos 60. A pesar de ser festa familiar, as relacións entre o veciñanza eran tan fortes que non era raro que despois da cea se xuntara a veciñanza máis próxima.

Na maioría das aldeas, ata ben entrados os 70, non había unha celebración especial de fin de ano. Foi coa chegada da televisión (funcionando con baterías de coche en moitos casos, pois non había luz) cando, sobre todo a mocedade, empezou a celebralo.

Os reises

Antigamente no día 5 de xaneiro, véspera de Reis, un grupo de mozos e mozas ían polas casas da rodeada «cantar os reises», con coplas apropiadas para a ocasión nas que se dirixían as amas da casa para pedir os “guinaldos”, que podían ser nalgún caso cartos, pero a maioría das veces eran chourizos, ovos, touciño, etc. Polo que nos contan no libro  “Manuel do Juano”, non está documentado que levaran mázcaras, como ocorría en lugares de Asturias ou nos Ancares, o que si parece é que, nalgúns casos podían levar a cara pintada, como ocorría na Proba de Burón, na década dos anos 30. Alí na Proba recordan 2 tipos de cantos de reis: os “reis cortos” e os “reis largos” recollidos no libro que mencionamos anteriormente. Ao día seguinte, a mocidade que fora cantar os reises, xuntábase para comer o que recadaran e facer festa e baile.

A guerra civil supuxo un corte nesta celebración, como ocorreu con moitas outras. E os primeiros anos do nacional-catolicismo tampouco foron bos para ela. Recuperouse na Proba nos anos 50 e 60 do século XX, pero con diferenzas respecto á época anterior. Os grupos eran exclusivamente de mozos, desapareceu o costume de pintar a cara e os 2 cantos unificáronse nun só.

Casamento no ano 1956
Casamento no ano 1956
Roscas de cantelo ou do xoves santo
Roscas de cantelo ou do xoves santo

As vodas

Antigamente os casamentos distaban moito de ser as grandes celebracións que son agora. Nin tampouco a noiva ía vestida de branco. Nelas participaban os familiares directos e, como moito algún amigo achegado ou “casamenteiro” que acompañara ao noivo cando ía “pretender” á noiva. As noivas vestían as mellores galas que tiñan, xeralmente de cor negra, xa que a roupa desa cor era a máis frecuente. A voda celebrábase na capela ou igrexa da aldea da noiva e a comida dese día era na casa dela. Entendemos que unha comida especial, dentro das posibilidades. O que si estaba asegurado nesa comida era o cantelo: un doce feito con fariña, ovos e manteiga. Similar ao que se facía para o xoves santo para agasallo do padriño e a madriña aos afillados. Cocíase no forno en roscas que logo se repartían entre a veciñanza. Era a maneira de que  tamén participaran da festa.

Os bautizos

Nos bautizos non se facía unha celebración especial, máis alá de que o padriño e a madriña levaban á criatura á igrexa para bautizala o máis rápido posible, non fora ser que morrera “en pecado” e fora ao «limbo» (…) como se dicía.

É de destacar o protagonismo que tiñan os padriños non só no bautizo, senón incluso á hora de poñer o nome á criatura, pois moitas veces era decisión deles. Comprábanlles a rosca aos afillados por semana santa e facíanlles algún agasallo de vez en cando En xeral a relación cos e as afilladas era estreita e mantíñase durante toda a vida.

Os velorios e os enterros

Nunha zona cunha elevada densidade de poboación, nas condicións hixiénicas e sanitarias da primeira metade do século XX na Galicia rural, a mortalidade era elevada. Especialmente a mortalidade infantil e a das mulleres durante o parto. Tamén hai que  contar as pandemias como a da gripe de 1918, e epidemias como a de tuberculose despois da guerra. Nunha sociedade acostumada a desenvolverse en colectivo, o acompañamento da familia cando había un defunto era multitudinario. Non só acudía a veciñanza da aldea, senón de toda a parroquia e incluso doutras parroquias. Xente que, ás veces, viña dende moi lonxe, andando ou a cabalo, e que había que alimentar e aloxar. Isto, nalgúns casos, chegaba a ser unha carga económica e de traballo que a familia dificilmente podía soportar. Porque ademais, había outros gastos, como manter e pagar aos curas, a cera para as velas, etc. Contan que moitas veces, ás mulleres levaban a comida en cestas ata a igrexa para a mantenza dos curas na casa rectoral e de outra xente que, sen ser parentes próximos tamén viñan ao enterro dende lonxe.

Facíase o velorio do defunto na casa, rezando o rosario arredor del e despois acompañando á familia toda a noite. Iso daba para falar das excelencias do defunto e da perda que significaba o seu falecemento, pero tamén doutras cousas; contábanse contos, historias… e circulaba a augardente e o café, cando o había, co que, máis dunha vez o choro ten derivado en riso…aínda que despois volvera o choro. A celebración remataba co funeral na igrexa e o enterro na terra do campo santo, pois poucos veciños tiñan nicho construído.

Como os enterros congregaban moita xente tamén era un momento moi importante para a socialización, para ver a xente que non se vía a diario, para saber das novidades, convidarse na taberna e incluso pechar tratos.

O Ramo

Cando se acababa unha obra grande, por exemplo unha casa, había que facer o Ramo. Neste caso convidábase a parentes e amigos e a festa era importante. Utilizábase a mesma expresión “facelo ramo” cando se acababa unha recolleita: catega das patacas, sega do pan, da herba, etc, pero neste caso sen tanta festa.

Autoría:

Dos textos: Responsables da páxina
Das fotos: Arquivo da casa de Mongarillo de San Martín e da casa de Rancaño de Vilarín, Laura Fernández

ANT. SEG.