As casas fidalgas
A través do tempo, o ser humano creou grupos que posibilitaron a súa supervivencia, pero tamen precisaron dunha organización social que, xeralmente, estivo moi lonxe de ser igualitaria. Na Galicia do Antigo Réxime atopamos unha sociedade piramidal estruturada en estamentos aos que se pertencía por nacemento e entre os que non había mobilidade. Esta estratificacion social tamén aparece nas terras de Burón, na que hai dous estratos: os fidalgos e os peiteiros.
Os fidalgos eran nobreza menor, aínda que non estaban exentos de dereitos nin de prebendas das que se beneficiaron ata ben entrado o século XIX. Nas terras de Burón eran un grupo numeroso, a diferenza do que ocorre no resto de Galicia. Nisto asemellámonos con Asturias, norte de León, Cantabria ou o País Vasco. Os peiteiros eran os non fidalgos á xente do «estado xeral»
A maioría de fidalgos cobraban rendas, tiñan oficios reservados para eles na administración e na milicia, non podían ser presos por débedas (menos por algunhas moi concretas), nin sometidos a tortura e no caso de ser condenados a morte non os aforcaban senón que lles cortaban a cabeza… Pero non todos eran iguais. Había moita diversidade: habíaos «de solar» de «executoria»e de «posesión» e, nalgúns casos, os peiteiros discutíanlles a fidalguía e os preitos chegaban á Real Chancelería de Valladolid.
De todo isto, das familias fidalgas que había en Burón, e de moitas cousas máis fálanos Pegerto Saavedra neste interesante artigo que poñemos aquí.












