“Escola” e “alfabetización” resultan ser palabras cheas de ambigüidade cando se aplican á realidade dos séculos XVIII e XIX. Hai escola alí onde hai un mestre, aínda que non exista edificio específico e o mestre sexa un labrego que ensina nun pendello, debaixo dun hórreo ou nunha corte, durante os meses de inverno. Para calcular as taxas de “alfabetizados” os estudosos adoitan valerse das sinaturas, pero no mundo rural non está acreditado que as persoas que asinaban foran capaces de escribir e inclusive de ler, cando a sinatura é un debuxo. En particular alí onde a lingua empregada no ensino, o castelán no caso de Galicia, non era a lingua familiar, a única coñecida.
Escolas e mestres de ferrado no concello de Burón
No ano 1750 sábese que só existían 2 escolas dotadas no concello de Burón; unha na Proba e outra en Sto André de Logares. Pero non eran estas o único medio de escolarización que había, porque é probable que algúns curas ou escribáns tamén se dedicasen a ensinar a doutrina e as primeiras letras aos nenos e, sobre todo os mestres de ferrado ou de tego, que nas noites de inverno ensinaban algo aos nenos, contratados polas familias a cambio de uns tegos ou ferrados de cereal.
Na década de 1840, no distrito municipal da Fonsagrada había unha escola pública á que asistían 60 nenos e na que daba clase un mestre sen examinar. Por aquela época, na Trapa, Luis Rico, un emigrante en Montevideo deixa fondos para levantar unha escola.
Alfabetización de homes e de mulleres
Desde 1860, nos censos de poboación do número de persoas que saben ler e escribir, A Fonsagrada figura á cabeza no referido á porcentaxe de homes alfabetizados, e ao rabo na proporción de mulleres. Ata 1930 a proporción de homes alfabetizados nas antigas terras de Burón está por enriba da media de Galicia. Pola contra, no caso de mulleres acontece ao revés e hai que chegar a 1920 para que os datos de mulleres alfabetizadas sexan iguais aos do resto do territorio galego.
No ano 1865 había no partido xudicial da Fonsagrada (que incluía, ademais deste concello, os de Navia, Baleira e Meira) 72 escolas temporais, nas que todos os nenos e nenas aprendían lectura e doutrina, pero só o 24 por cen das nenas ía á clase de escritura (entre os nenos a proporción era do 53 por cen), e un 13 por cen ás de aritmética (un 24 por cen os homes).
A creación de escolas públicas
Entre 1900 e 1930 a porcentaxe de homes alfabetizados multiplicouse por 1,25, e a de mulleres case por 6 (pasou do 7 ao 41 por cen). Esta mudanza ten que ver coa creación de escolas públicas, ás que as nenas podían asistir en principio igual que os seus irmáns, porque aos pais non lles custaba nada, salvo o traballo que uns e outras perdían de facer. O proceso de creación de escolas non é ben coñecido, pero varios contemporáneos afirmaron que o concello da Fonsagrada destacaba na década de 1920 pola densidade da súa rede escolar.
Se nas comarcas litorais os indianos dotaran moitas escolas, no interior montañoso había algunhas fundacións desa natureza, pero resultaba máis decisivo o papel dos concellos, do goberno e dos propios veciños.
Todo o anterior son extractos do interesante artigo de Pegerto Saavedra sobre a alfabetización no mundo rural e, en particular, nas terras de Burón que podes consultar premendo no botón máis abaixo


