A orixe do territorio
Poucas veces nos paramos a pensar na terra que pisamos, simplemente vivimos sobre ela e usámola no noso proveito. Pero estaba aquí moito antes de que o ser humano chegara ao planeta e a ciencia permítenos facernos unha idea de como chegou a conformarse. Con este artigo propoñémosvos mirar o territorio con outros ollos, facéndonos preguntas e buscando respostas, para coñecelo mellor, gozar del e, quizais tratalo con máis respecto.
A paisaxe de montaña propia desta zona da provincia de Lugo caracterízase polos cumes suaves entre vales de ríos e regueiros, estreitos e con perfil en V, pertencentes a dúas grandes concas: a do Eo, co seu afluente, o Rodil e a do Navia. Pero a pouco que nos despracemos atopamos un val menos profundo e máis aberto, o val de Burón-Logares. Como se formaron estas montañas? Por que eses dous tipos de vales tan diferentes?
Se nos movemos un pouco máis polo territorio podemos ver espectaculares afloramentos dunha rocha dura e resistente, como os da seimeira ou os da Pena do Inferno, mentres que noutros sitios vemos que hai lousa e preguntámonos; como se formaron estas rochas?
Para completar as sorpresas que nos depara esta comarca…fósiles! Tan escasos en Galicia, pero en Ortigoso, Parroquia de Lamas de Campos, aparecen uns agregados (nódulos) e neles, fragmentos fósiles de escorpións mariños xigantes. Como chegaron alí?
A todas estas preguntas quere dar resposta dunha maneira sinxela o seguinte artigo de Laura Fernández. Preme no botón para descargalo e lelo.

Autoría:
Dos textos:
-Da introdución: Responsables da páxina
-Do artigo anexo: Laura Fernández con revisión de Francisco J Canosa
Das fotos: Francisco J. Canosa, Laura Fernández
Dos debuxos: Carmen G. Soto