MENÚ

Lenda da seimeira de Vilagocende

Contan que no tempo en que se ía segar a Castela, alá foi un home da aldea de Vilagocende. Cando faltaba pouco para rematar a tempada de sega, achegóuselle un día o amo e, despois de preguntarlle de onde era, díxolle: no río da túa aldea hai unha seimeira; verdade? Ao que contestou que si, sorprendido de que ese lugar fora coñecido por alguén a tantas leguas de distancia. Pero a sorpresa aínda foi máis grande cando lle deu tres bolas de pan co encargo de que as tiña que ir tirar ao pozo da seimeira.

Xa de volta na casa gardou as tres bolas de pan no horreo, baixo chave, ben protexidas dos ratos. Dos ratos, pero non da curiosidade da súa muller que, un día que ía buscar unto para facer o caldo reparou nas tres bolas de pan e, nin corta nin preguizosa, colleu unha delas e cortou un cacho.  Pero…Ah! Nunca tal fixera! A pique estivo de desmaiarse do susto cando viu o pan  sangrar como sangra un cocho no día da matanza. O sobresalto foi grande, pero non tanto como para que esquecera tapar como puido o corte, para que o home non o notara.

Un día o noso home colleu as tres bolas e marchou camiño da seimeira. Chegado á beira do pozo dispúxose a tiralas; tirou a primeira e, pasmado, viu que saía unha fermosa dama vestida de sedas e tules e enxoiada coma unha princesa, tirou a segunda bola e saíu entón outra dama que ganaba en fermosura á primeira. Pero foi cando tirou a terceira bola, a que lle faltaba un cacho, cando saíu a máis fermosa das tres; iso si, ao se lle achegar, puido comprobar que lle faltaba un brazo. Foi esta última dama a que, cun sorriso amable e cos seus mellores desexos, lle entregou un agasallo para a súa muller: un colar.

Emprendeu o camiño de volta á casa, pensando no contenta que se ía poñer a muller; cando unha leve dor nas tripas obrigouno a facer un alto: apartou un pouco do camiño e, deixando colgado o colar nun espiñeiro dispúxose a facer as súas necesidades a carón del. Estaba visto que non acabaran aínda as sorpresas, porque estando niso, de repente puido ver como a árbore se arrincaba e marchaba, co colar colgando:

Cara a onde? …Cara o pozo da seimeira

 

Esta lenda foi recollida a Armando de Valledor de Vilagocende (1915-2002)

ANT. SEG.