MENÚ

O museo

Un espazo creado para gardar a memoria colectiva e compartila, para non esquecer os saberes dos e das nosas antepasadas, para conectar pasado e presente a través dos oficios, os obxectos, a palabra e a paisaxe.

Orixe e obxectivos do Museo

Foi no ano 1983 cando un grupo de veciños do concello da Fonsagrada considerou a posibilidade de crear un museo na propia vila de A Fonsagrada. Contábase para elo cunha colección de pezas arqueolóxicas recollidas por un membro do grupo, o sacerdote estudoso da arqueoloxía Enrique López que, xunto con outro sacerdote, José Argul, tiñan realizado investigacións arqueolóxicas na comarca. Tamén se contaba no grupo con profesorado do departamento de historia do instituto de BUP, recentemente creado, así como co achegamento á etnografía da zona que proporcionaba as montaxes de dúas mostras sobre oficios e artesanía tradicional organizadas anteriormente pola axencia comarcal do Servicio de Extensión Agraria.

A forte caracterización rural da comarca, da que a Fonsagrada é cabeceira, determinaba moitos dos trazos culturais que un Museo podería recoller, trazos que por outra banda se atopaban en proceso de forte transformación.  Dende a súa creación o Museo tivo entre os seus fins o de ser receptor deses movementos de cambio para facelos explícitos aos ollos da propia xente que os vivía.

Fachada das antigas escolas municipais da vila, onde estaba ubicado o Museo.
Fachada das antigas escolas municipais da vila, onde estaba ubicado o Museo.

O Padroado

Durante o ano 1984 constituíuse legalmente o Padroado do Museo, que naquel momento chegou a contar con arredor de 200 membros, o que lle fixo configurarse na práctica como unha asociación cultural.

A propia constitución do Padroado pódese considerar como resultado dunha iniciativa veciñal, froito dunha inquietude social que mostraba a necesidade fortemente sentida de participar na normalización do ámbito cultural, necesidade que naquela época tamén se sentía noutros eidos da sociedade. A xunta reitora do Padroado está integrada neste momento por 8 membros, formando parte da mesma o Alcalde do Concello e o Concelleiro de cultura.

Membros actuais da Xunta Directiva do Patronato do Museo:

Sala sobre a vivenda na primeira ubicación do Museo.
Sala sobre a vivenda na primeira ubicación do Museo.
PresidenteXoán Xosé Molina Vázquez
Vicepresidente Carlos López López
SecretariaEsperanza Abelairas Vilariño
TesoreiroSecundino Fernández Fernández
VogalMaría Abraira Sarceda
VogalManuel Miranda Ruiz
VogalM. Trinidad Fernández Fernández
VogalRicardo Parada Mariñas
Edificio do Museo no ano 2002.
Edificio do Museo no ano 2002.

O Local do Museo

Dende a súa fundación ata o ano 1992, o Museo dispuxo dunha ala das antigas escolas municipais nun edificio que albergaba tamén o local do “Teleclub”. A intención do Concello de derribar o edificio e facer no lugar unha praza pública provocou que desde esa data o Museo tivera que trasladarse, como almacén sen apertura ao público, a un local particular propiedade do matrimonio formado por Fina Pérez e Ramón Ortiz de Galisteo.

O peche non foi total, posto que durante seis anos parte dos fondos do Museo foron itinerando polo Centro Escolar de A Fonsagrada, o Museo do Pobo Galego e a Escola de Arquitectura de A Coruña. Unha nova corporación Municipal, elixida no ano 1995, restaurou o apoio ao Museo, ofrecéndolle a utilización dos 700 m2 dun edificio que viña servindo como ambulatorio do Servizo de Saúde. A través dun Convenio asinado entre as dúas partes, establecéronse as novas relacións entre o Museo e o Concello, comprometéndose este á rehabilitación interna do edificio, ao seu sostemento e a cobertura da metade do custo dunha persoa para a atención do público. Dende o ano 2023 cubre a totalidade dese custo. A nova instalación do Museo ficou rematada no outono de 1998.

No ano 2010, a necesidade dunha remodelación museográfica en dúas das tres plantas do edificio, motivou a necesidade de dispoñer de 35.000 €, cantidade da que o museo carecía. Unha iniciativa veciñal acudiu en axuda do museo anticipando esa cantidade que máis tarde foi restituída por medio dunha subvención da Xunta de Galicia.

Proxeción social na actividade do Museo

Entre os anos 1991 e 1994, ao abeiro dunha forte mobilización cívica que reclamaba melloras estruturais para a comarca, leváronse a cabo dende o Museo unha serie de actividades encamiñadas á recuperación do Camiño Primitivo de Santiago, programándose xornadas de divulgación e promoción do Camiño e sobre todo desenvolvéndose accións de sinalado, elaboración de cartografía e mesmo labores de apertura e limpeza do seu trazado que se atopaba oculto ou esquecido, tarefas realizadas pola propia veciñanza ante a inactividade institucional de aqueles momentos.

De igual proxección social, polo que ten de promoción do aprecio polo patrimonio, foi a iniciativa do museo de impulsar determinadas actividades arqueolóxicas. A primeira consistiu en propoñer ao Concello a solicitude da escavación pola Consellería de Cultura do castro de Castañoso onde unhas paredes aínda visíbeis denotaban a existencia de algunha estrutura singular: unha “sauna” castrexa. Unha segunda campaña, esta vez a cargo da Deputación Provincial de Lugo completará a escavación en dúas vivendas. A terceira consistiu na prospección, en 2019, por parte da Universidade Santiago, con financiamento municipal, dun terreo de monte onde se descubriu un  campamento militar romano ligado ás guerras cántabras.

Dentro do apartado de atención ao patrimonio construído cabe destacar unha campaña, animada dende o museo, en 2019 para acadar a restauración da igrexa parroquial de a Allonca que a maiores da súa orixinal tipoloxía mostra baixo as capas de cal das súas paredes interiores indicios de pinturas góticas. A reclamación mediante sinaturas da veciñanza ante o Bispado para unha primeira intervención de urxencia non tivo resultado polo momento. O museo tamén promoveu a recuperación da tramitación como BIC da Ferrería de Vilar da Cuiña, complexo siderúrxico do século XVIII, de gran transcendencia para a súa época, cuxas estruturas principais aínda se manteñen en pé. O expediente de declaración iniciarase por oficio no ano 2009, pero o seu trámite foi suspendido posteriormente sen que se coñezan as causas. A solicitude do museo foi acollida con silencio administrativo. E, máis recentemente o impulso da restauración do Cruceiro da Cruz da Graña.

O enfoque social do museo manifestase tamén na celebración de Charlas, coloquios exposicións e numerosas actividades divulgativas dos que falamos no apartado de»Histórico de actividades».

 

  1. Zoqueiros
  2. Zapateiros
  3. Carpinteiros
  4. Cordeiros
  5. Cesteiros
  6. Tomeiros
  7. A Música
  8. Tear
  9. Tecedoras
  10. Mel
  11. Soutos
  12. Serraxe
  13. Labranza
  14. Arados
  15. Xugos
  16. Rodas
  17. Carros
  18. Escola
  1. Vivenda
  2. Arquitectura popular
  3. O castro e a sauna de castañoso
  4. Megalitismo
  5. Castros
  6. Roma
  7. A malla
  8. Muíños
  9. Hórreos
  10. A lousa

O museo na prensa ou medios dixitais

Inauguración da exposición “Proximidade Llunyana”

Facebook (SdeAudiovisuais)

Visita guiada ao Museo Comarcal da Fonsagrada

Facebook (SdeAudiovisuais)

Histórico de actividades

Actividades 1983-2025

Agrupamos aquí actividades divulgativas que tiveron lugar entre o ano 1983 no que se pon en marcha o Museo, ata...

Autorías:

  • Dos textos: Xoan Xosé Molina
  • Das fotos: Arquivo do Museo
  • Dos planos do Museo: Tara Rego
ANT. SEG.