Emilio Fernández Cobas
Vilares de Leituego 1924 – Madrid 2006
Nace o 15 de abril de 1924 en Vilares de Leituego (daquela pertencente á Fonsagrada, hoxe á Ribeira de Piquín). Gaiteiro que destaca pola perfección, limpeza e creatividade tocando. Empeza, como moitos rapaces da súa época, facendo xipros e pipas de centeo e de castiñeiro. Con 15-16 anos aprende o oficio de carpinteiro e, aos 18 anos, constrúe a súa propia gaita e comeza a tocar nas polavilas. Emigra a Arxentina con 25 anos onde toma contacto coa comunidade galega en Bos Aires que organiza todos os sábados “festas galegas” nas que Emilio coñece outros músicos e outras formas de tocar. Casa con Ermitas de Pasarín do Vilarón coa que tivo un fillo. Pasa uns anos no Vilarón pero emigra de novo, agora para Venezuela, onde traballa como carpinteiro e encofrador. Andando o tempo emigrará por terceira vez, pero agora con toda a súa familia, a Madrid, onde traballará de taxista. En Madrid xúntase con Benedicto do Roxo de Castro que toca a caixa e co que fará dúo durante anos, amenizando festas e reunións.