MENÚ

Herminio «O Cazote» de Fonfría

Herminio do Cazote
Herminio do Cazote

Herminio Villaverde Díaz

Fonfría 1927- 1991

Nace o 6 de xullo de 1921 en Fonfría e alí transcorre a súa vida. Non lle toucou ir á guerra pero si sufrir as consecuencias, da guerra e da posguerra, coma toda a xente da súa época.Foi labrego toda a súa vida e gañaba con iso o seu sustento que complementaba co oficio de enterrador. Casou con Carmen Témez, coa que tivo un fillo e unha filla. Tamén foi un gran lector e contador de historias, unhas veces da súa invención e outras veces recollidas. É consciente da importancia de preservar ese patrimonio inmaterial e recolle poesías, ditos, refráns, etc. E tamén da conservación do patrimonio material pois entende o valor de certos obxectos para explicar o pasado e está entre os que axudaron a impulsar o Museo da Fonsagrada.

Polo que respecta á música, destaca como tocador de trompa, instrumento que aprendeu a tocar de neno cando ía coas vacas, con outros nenos da veciñanza. En principio ten fabricado trompas caseiras con baleas de paraugas, pero máis adiante entra en contacto con Otilio, Ferreiro de Vilarmeán, que lle facilita instrumentos máis perfeccionados. Participa en numerosos programas de televisión e radio dende os anos 70: no programa Raíces de RTVE e Hoxe é domingo de Radio nacional, e Ruada e Luar na TVG. Tamén participa en discos, concertos e eventos varios onde se dá a coñecer este instrumento case desaparecido e que el axudou a recuperar.

Bibliografía e Webgrafía

-LÓPEZ RODRÍGUEZ, Javier M. Herminio Villaverde. A trompa na Fonsagrada. Edita: a central folque. Centro Galego de Música Popular. Compostela 2023.

ANT. SEG.