Modesta Fernández López
Noceda 1903- Grao (Asturias) 1989
De orixe moi humilde, nace en Noceda nunha familia numerosa de “caseiros”, é dicir que non eran propietarios senón que tiñan que pagar unha renda. Isto tamén fixo que non permaneceran nesa casa moito tempo, senón que pasaran a vivir a Vilalba da Trapa e despois a Xestoso de Baxo, de onde marchou para Asturias.
A pesar da súa escasa visión -parece ser que só vía un pouco do ollo dereito- facía os labores da casa e era unha muller moi culta e falangueira á que lle gustaba moito contar historias. Historias que, nun momento da dado, decide acompañar do violín. Coñece a Florencio “O cego dos Vilares” que será o seu mestre, con el aprende a tocar e a partir de aí empeza a percorrer as aldeas da contorna, tanto na Fonsagrada como en Asturias, amenizando bailes e polavilas. Desprazábase dacabalo dunha mula e guiada por unha persoa achegada, dúas das súas irmás fixeron ese traballo. No seu repertorio abundaban as cancións de actualidade na época que escoitaba na radio. Falece en Grao (Asturias) en 1989.
Non lle coñecemos fotografías nin gravacións, pero recentemente publicouse un libro sobre ela “O violín que trae o vento” con códigos QR que nos permiten acceder ás pezas que quedaron na memoria da xente como pertencentes ao repertorio de Modesta interpretadas por varias violinistas actuais. Este libro aparece na Bibliografía que poñemos máis abaixo.