MENÚ

Secundino do Tiu Xan

Secundino Castro López

A Muíña (Parroquia da Allonca) 1910-San Martín de Suarna 1996

Nace o 21 de abril de 1910 na Muíña (Parroquia da Allonca). Medra nunha familia de labregos, onde desenvolve todo tipo de traballos propios do campo. Empezando por ir coa “facenda” (cabras e ovellas) ao monte, cando era un neno, onde é de supoñer que empezou o seu contacto coa música a través de xipros de palla ou de castiñeiro. Comeza a tocar unha gaita que lle comprara o seu pai a un irmau máis vello. Tocou nas polavilas e festas por todas as aldeas do val da Allonca.

Nun momento dado toda a  familia trasládase a Llencias (Parroquia de San Martín de Suarna) , pero Secundino segue indo tocar polo val da Allonca porque cada gaiteiro tendía a ocupar unha zona, aínda que tamén toca polas aldeas da contorna de Llencias. Manuel do Juano destaca o seu xeito de tocar, alegre, de estilo Asturias e con grande mestría.

Incorpórase á Guerra Civil no ano 1937 e, cando esta remata, volve a Llencias. No ano 1942 ingresa na Garda Civil e no 1944 casa con Guillermina do Tiu Xan de San Martín coa que ten un fillo e unha filla. Dende que casou deixa de tocar a gaita polas festas e só toca en San Martín. Como Garda Civil primeiro e despois como traballador da ENHER (Empresa eléctrica Ribagorzana), reside en Lleida ata a súa xubilación, volvendo a San Martín polas vacacións. Os primeiros anos da xubilación pásaos en Xixón, onde hai constancia de que se reunía con outros gaiteiros e tocaba a gaita. Na década dos 80 volve para San Martín onde reside ata a súa morte.

Autorías, bibliografía e webgrafía

-VV. AA: Manuel do Juano. Manuel Fernández Díaz. Editorial Canela. Tradición oral. Xullo 2021

ANT. SEG.