MENÚ

Siderio de Vilarmide

Desiderio Sampayo Rico

O Mazo de Acevo 1931

Nace en 1931 no Mazo de Acevo, daquela pertencente á Fonsagrada e hoxe á Ribeira de Piquín. Como ocorre con case todos os gaiteiros, comeza a súa andadura musical tocando as pipas e xipros de centeo, trigo, avea ou de castiñeiro que facía el mesmo de pequeno, cando ía co gando. Pero Siderio era fillo de gaiteiro, do que herda o amor pola música e do que aprende a facer palletas e pallóns. Con 10 anos tivo a súa primeira gaita, fabricada por un veciño, Manuel da Muíña.

Tocou en numerosas festas patronais, polavilas, mallegas, etc, por toda a contorna ata que en 1953 marcha facer o servizo militar á Coruña. Alí leva a gaita e entra na “Banda de Cornetas y Tambores del Regimiento nº 48”, chegando a participar nos pasacalles das festas de María Pita. A volta da mili forma o quinteto “Os Acevedos”, xunto con 4 veciños: Constante da Valiña (tamén gaiteiro), Paulino de Gonzais (clarinete), Angelito de Pardo (bombo), Manolo de Leonardo (caixa) e  tamén ás veces Pepe de Pardo ao bombo. Que durou pouco tempo porque Siderio emigra, primeiro a Madrid e despois a Asturias, alternado períodos de traballo na hostalaría con outros como condutor de camión ou traballador de Ensidesa en Avilés, onde se xubila.

No ano 1962 casa con Ersilia Gómez, de Vilarmide (A Pontenova) ca que tivo 2 fillos. Durante a súa vida laboral chega a pasar ata 25 anos sen tocar a gaita, pero dende o 1981 recupera a súa afección por ela e, especialmente desde o ano 1989, que se xubila e volve para quedar na parroquia da súa muller, volve tocar habitualmente xuntándose con outros gaiteiros como Constante da Valiña, Nela de Bres, Modesto de Murias, Otilio da Burela, César de Leituego, etc.

Bibliografía e webgrafía

-VV. AA: Siderio de Vilarmide. Desiderio Sampayo Rico. Editorial Canela. Tradición oral.  Setembro 2015

ANT. SEG.