O Local do Museo
Dende a súa fundación ata o ano 1992, o Museo dispuxo dunha ala das antigas escolas municipais nun edificio que albergaba tamén o local do “Teleclub”. A intención do Concello de derribar o edificio e facer no lugar unha praza pública provocou que desde esa data o Museo tivera que trasladarse, como almacén sen apertura ao público, a un local particular propiedade do matrimonio formado por Fina Pérez e Ramón Ortiz de Galisteo.
O peche non foi total, posto que durante seis anos parte dos fondos do Museo foron itinerando polo Centro Escolar de A Fonsagrada, o Museo do Pobo Galego e a Escola de Arquitectura de A Coruña. Unha nova corporación Municipal, elixida no ano 1995, restaurou o apoio ao Museo, ofrecéndolle a utilización dos 700 m2 dun edificio que viña servindo como ambulatorio do Servizo de Saúde. A través dun Convenio asinado entre as dúas partes, establecéronse as novas relacións entre o Museo e o Concello, comprometéndose este á rehabilitación interna do edificio, ao seu sostemento e a cobertura da metade do custo dunha persoa para a atención do público. Dende o ano 2023 cubre a totalidade dese custo. A nova instalación do Museo ficou rematada no outono de 1998.
No ano 2010, a necesidade dunha remodelación museográfica en dúas das tres plantas do edificio, motivou a necesidade de dispoñer de 35.000 €, cantidade da que o museo carecía. Unha iniciativa veciñal acudiu en axuda do museo anticipando esa cantidade que máis tarde foi restituída por medio dunha subvención da Xunta de Galicia.




